Monday 13 de May de 2024

O Concello advirte dun posible calote relacionado coa COVID-19


O Concello de Moeche publicou este mediodía na súa páxina en facebook unha alerta sobre un posible timo relacionado coa COVID-19. Segundo parece, varios veciños recibiron chamadas efectuadas supostamente en colaboración co Concello para ofrecer material de prevención -máscaras, xeles hidroalcólicos, etc.- e, de paso, “interesarse polo estado de saúde da veciñanza”.

O Goberno local apresurouse a desmentir que houbese acordos ao respecto con ningunha empresa ou entidade, advertindo ao mesmo tempo de que, como precaución, non se debe deixar entrar na casa a persoas descoñecidas.

O aviso municipal tamén indica que en ningún caso se deben mercar nin aceptar os produtos de hixiene e/ou protección que nos ofrezan, xa que poden non contar coa debida homologación. Ademais, eses artigos tamén poden ofrecerse de balde como engado para vender despois outro tipo de produtos de dubidosa eficacia e prezos abusivos, case sempre relacionados coa saúde e o benestar: sillóns masaxeadores, máquinas electrónicas contra distintas doenzas, ungüentos milagrosos, etc.

O Concello puxo os feitos en coñecemento da Garda Civil e insiste en que se extremen as precaucións para non caer en fraudes ou campañas de venda agresivas que abeiran a ilegalidade. En ambos casos trátase de prácticas que se aproveitan da boa fe e do medo xeralizado á pandemia para facer negocio.